Asistimos a diario a diversos episodios de agresión ao patrimonio galego e dos galegos e galegas, moitas veces por mor do seu descoñecemento por parte dos agresores, outras por intereses privados que fan prevalecer sobre os intereses de todos. Adoito son coñecidos pola cidadanía, a través dos xornais ou das redes sociais, os casos nos que os nosos xacementos arqueolóxicos son destruídos parcialmente –ou na súa totalidade- for por accións vandálicas, for pola execución de obras particulares ou públicas sen control arqueolóxico. Acontece o mesmo con exemplares de arquitectura modernista ou racionalista, con edificacións industriais que representan o cerne da nosa sociedade moderna, mesmo paisaxes que son agredidas polos particulares ou polas propias administracións. Estes resultan ser só algúns exemplos das agresións que sofre o noso patrimonio material, natural ou construído, e que non teñen a resposta cidadá acaída por falla de organización dos cidadáns en prol da súa defensa.
A sociedade galega non está afeita a reclamar, a título individual, as accións contra o noso patrimonio, polo que se precisan organizacións que representen aos cidadáns perante as autoridades para esixir o respecto pola nosa memoria.
A falla de interese xeral advertida pola defensa da identidade galega –configurada polas distintas manifestacións que constitúen o patrimonio- ten o seu alicerce nas carencias de información e coñecemento da relevancia destes herdos recibidos, impedindo crear unha verdadeira conciencia e consciencia colectiva, ao contrario do que acontece noutros pobos similares ao noso. Apenas hai iniciativas en pequenas colectividades, individualizadas e inconexas, polo que a información é dispersa e non chega á cidadanía de xeito contundente e que poida crear conciencia.
Xorde a necesidade da creación dunha única “Asociación para a defensa do patrimonio galego” que acubille os distintos eidos patrimoniais, as distintas sensibilidades e as relacións asimétricas e que alce unha única voz na defensa o patrimonio galego, e co obxecto de concienciar ás autoridades e aos cidadáns de que temos a obriga de manter, conservar e mellorar a estrutura que recibimos, e transmitila na mellor das condicións ás xeracións futuras.
Cremos que o patrimonio galego é todo o que identifica a este país e que constitúe un feito diferencial que nos identifica fronte a outros pobos: a paisaxe, a arquitectura, a arqueoloxía, os costumes, a música, as artes, as letras, a nosa lingua. Todas elas, e outras que non se mencionan, están defendidas por distintos colectivos, de modo individual e sen unha voz autorizada común que se dirixa ás autoridades para defendelas.
É por isto que un grupo interdisciplinario de galegos/as nos unimos para crear unha única Asociación que defenda o noso Patrimonio en tódolos eidos, de modo transversal pero con única voz, nos medios de comunicación, perante as autoridades, e que colabore na creación dunha conciencia colectiva sobre a relevancia da nosa herdanza, do noso patrimonio.
Totalmente de acordo, suscribo cada unha das palabras e espero que pronto vexamos esto convertido nunha realidade. Antes de que sexa xa tarde. Parabéns polo post!
GústameLiked by 1 person