Monthly Archives: Novembro 2016

O PAIS DA AUGA (Carlos Henrique Fernández Coto).- A auga é un ben escaso e moitos pobos que teñen que percorrer quilómetros a diario para collela, nós somos dos máis afortunados porque temos toda a que necesitamos. A auga forma parte da nosa identidade, da memoria do pobo que habita no territorio ao longo do tempo. Define e condiciona a paisaxe porque está moi ligada á agricultura e á subsistencia. Proba da súa relevancia é que boa parte da toponimia toma nela a súa raíz: Agualevada, Brañas, Devesa ou Fontenla, entre centos de nomes que indican a súa presenza. No seu percorrido -do monte aos ríos, dos ríos ao mar- é aproveitada para construír as agras e os camiños -que tamén foron canles de auga- e para transformar a materia prima en alimento: é o caso dos muíños, que aproveitan os recursos sen consumilos, e o propio deseño dos valados é sometido ao ditado das augas que os atravesan. Para dispor dela nas billas das casas, aldeas enteiras construían comunalmente as minas no monte e transportábana por tubarias cerámicas atravesando as leiras, pero sempre para o consumo doméstico, nunca para a rega do campo, para o que había outros enxeños como o do reparto dos regatos por días e horas, por gravidade e sen máquinas, e a ninguén se lle ocorría abrir camiños por calquera lugar -como se fai agora, sen estudar o ciclo das augas-. Non existían as palabras “sustentabilidade” ou “ecoloxía” pero practicábanas, e cada elemento era pensado para a máxima eficiencia e menor gasto. Non se maltrataba o territorio, porque as máquinas eran os bois e os carros. As augas de rega e as augas dos muíños distribuíanse por quendas entre os veciños, aproveitando as vinte e catro horas, pero xa con picaresca: era moi común que un veciño agardara agochado tralo valado para mudar a dirección da auga que minutos antes cambiara outro. Agora que vivimos nunha sociedade normativizada, a auga está regulada polas leis (estatal e autonómica, como sempre) que din que as augas superficiais e as soterradas constitúen un recurso subordinado ao interese xeral e forman parte do dominio público estatal hidráulico, é dicir, de todos. Correspóndelle ao estado distribuílas de acordo coas necesidades da cidadanía e à Xunta ordenar o ciclo integral da auga establecendo as bases para unha xestión eficiente dos servizos de fornecemento, coa finalidade de garantir as necesidades básicas da poboación, e facendo compatible o desenvolvemento económico coa preservación dos ecosistemas acuáticos e terrestres. O concello é o derradeiro administrador, fornece aos fogares e controla o consumo e cobra un canón penalizando economicamente o consumo excesivo (piscinas, rega de céspede, etc.). A usurpación das augas sen control, en moitos casos para usos distintos do doméstico, é un fraude que afecta ás arcas públicas, tamén a todos nós e ao medio ambiente porque supón un uso irracional e pouco sustentábel de aproveitar os recursos públicos, que son de todos.

Advertisements

Aparte | Posted on by | Deixar un comentario